No Solifest non agardamos polo bo tempo para poñernos mans á obra. Xa o sabedes: somos o festival que madruga, e a cuarta edición leva meses en marcha. Chegou o momento de dar o primeiro gran paso público: o SOLIFEST volve ao Piñeiriño o domingo 18 de abril de 2027.
A DEPUTACIÓN REPITE: TERCEIRO ANO CONSECUTIVO CONNOSCO

O pasado xoves 12 de novembro, a organización (a Asociación Veciñal Breogán e Amencer-ASPACE) reuniuse co deputado provincial Javier Tourís para falar da nova edición. O resultado, outra vez, inmellorable: a Deputación de Pontevedra mantén a súa total colaboración co festival, xa por terceiro ano consecutivo. Tres anos, tres edicións e xa podemos dicilo: no Piñeiriño, a Deputación é de casa.
Queremos agradecer o trato directo e a implicación de Javier Tourís para garantir uns medios loxísticos que son indispensables. Un festival feito por uns cantos veciños, rodeado de edificios, no que chamamos con orgullo “o mellor barrio do mundo”, só sae adiante con este tipo de apoios.
UN NOVO ESCENARIO PARA UN BARRIO DESBORDADO
A edición de 2026 deixou o listón moi alto. A actuación de Maneiro desbordou o Piñeiriño e chegou a toda a comarca, con longas caravanas de coches intentando achegarse ao barrio. Batemos o noso récord ao recadar 11.438,15 euros (un 43 % máis ca o ano anterior), destinados integramente aos programas de Amencer-ASPACE para persoas con parálise cerebral.
Para medrar en comodidade sen perder a alma de barrio, en 2027 o escenario cambiará de orientación. Con esta redistribución queremos:
- Dar máis espazo ao público.
- Potenciar o Mercadillo Solifest.
- Mellorar a Zona Gastro, onde participan chefs e bares colaboradores.
- Que o escenario se vexa ben desde calquera punto do recinto.
MÚSICA, DANZA E COLAS ATA A MADRUGADA

Mantemos a fórmula de 2026: máis de 12 horas de música ininterrompida, á que volverá sumarse a danza, tras o éxito do grupo ADT sobre o escenario. Repetirá tamén o Mercadillo Solifest, que na súa estrea foi todo un éxito de asistencia e recadación. Ou que llo digan ao posto de tatuaxes e piercings, que tivo colas sen parar ata ben entrada a madrugada.
E A CONTA ATRÁS?
Ben sabedes que no Solifest cada conta atrás é unha festa. Primeiro foi El día del amigo de CA7RIEL & Paco Amoroso, despois puxemos Vilagarcía a bailar durante dous meses co Let’s Dance de David Bowie, con sketches de Luis Zahera e o apoio de James Rhodes. Que virá para 2027? De momento, non dicimos nada. Pero xa sabedes como somos. Se queredes ser os primeiros en saber, seguídenos no noso Instagram.
GRAZAS, DEPUTACIÓN
Grazas a Javier Tourís e a toda a Deputación de Pontevedra por seguir poñéndonos as cousas tan doadas.
Apunta a data: domingo 18 de abril de 2027. Vémonos no mellor barrio do mundo!


