O barrio do Piñeiriño prepárase para a súa cita máis importante do ano. O vindeiro domingo 19 de abril de 2026, Vilagarcía de Arousa volverá vibrar coa terceira edición do Solifest, o festival solidario que xa se converteu nun referente de vida comunitaria e música en directo.
Este ano, a organización prometemos “a nosa mellor versión”, e para demostralo, anunciamos as tres primeiras confirmacións dun cartel que mestura lendas da música galega, promesas do indie e talento local. E todo, como sempre, co obxectivo de recadar fondos para Amencer-ASPACE.
Maneiro: A lenda inaugura a tempada no Piñeiriño

Non podiamos ter un mellor embaixador para esta edición que Javi Maneiro, unha das voces máis icónicas do rock en Galicia e ex cantante de Herdeiros da Crus, elixiu o SOLIFEST para inaugurar a súa tempada de festivais.
O artista chega para presentar o seu último traballo, “A Miña Mellor Versión”. O título non é casualidade: conecta de cheo co espírito de superación e crecemento deste festival, que naceu da ilusión duns veciños e hoxe é un dos eventos con máis alma de Vilagarcía.
Amaramar: O son emerxente de Compostela

Dende Santiago chega a frescura. Amaramar é a aposta indie desta edición. Formados en 2024, esta banda está a chamar a atención na escena galega co seu son intenso e as súas letras con sabor a mar.
Tras presentar o seu álbum “El mar” na Sala Capitol e soar na Radio Galega, chegan ao Solifest como parte do Proxecto Lanzadeira. Se che gusta descubrir grupos antes de que enchan estadios, non podes perder o seu directo.
Los Bics: O talento é Km 0
No SOLIFEST temos claro que os grandes escenarios tamén son para a xente da casa. Los Bics, unha banda xove local, demostrou nos pasados Concertos Solidarios de Nadal que teñen táboas de sobra. Agora dan o salto ao festival grande para facernos bailar cos seus clásicos do rock e do pop. Porque o talento de Vilagarcía merece focos e aplausos.
Un festival de barrio con apoio institucional

O SOLIFEST é posible grazas ao esforzo da veciñanza, pero tamén grazas ao apoio clave do Concello de Vilagarcía de Arousa e da Deputación de Pontevedra. A colaboración entre institucións e barrio é o que permite que este evento siga medrando en calidade técnica e artística, sen perder o seu fin 100% solidario.
O 19 de abril agardámosvos a todos no Piñeiriño. Porque a música soa mellor cando axuda aos demais.
Queres saber máis? Mantente atento ás nosas redes e web, porque isto é só o principio.



