No Solifest non sabemos estar quietos. Se o ano pasado vos machacamos a cabeza (con moito cariño) coa canción de “El día del amigo”, este ano decidimos que había que subir a aposta. Queremos que a terceira edición sexa algo que Vilagarcía non esqueza, e para iso, o noso modelo de comunicación tiña que ser igual de “tolo” ca nós.
O vindeiro domingo 19 de abril de 2026, o Piñeiriño volve ser o centro do mundo. E para que ninguén se esqueza, acabamos de lanzar unha bomba en forma de vídeo.
DUNHA CANCIÓN ARXENTINA AO “LET’S DANCE”
Despois de moitas voltas, decidimos que a banda sonora desta recta final tiña que ser un clásico. David Bowie e o seu mítico “Let’s Dance” son agora os encargados de marcarnos o paso.
Pero o mellor non é a música, senón quen aparece en pantalla. Para esta peza de ficción (porque no Solifest apostamos polos sketches e o humor antes que polos anuncios aburridos), contamos con dous fichaxes de luxo: o actor Luis Zaherae o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.
Vela a Zahera pronunciando a palabra máxica “Solifest” xa nos indica que o que vén o 19 de abril non é un festival calquera. É A FÓRMULA SOLIFEST en estado puro.
O BARRIO QUE MOBILIZA AOS MÁIS GRANDES
A campaña está a ser un éxito total nas redes, e non é para menos. Que un festival organizado desde a base, no “mellor barrio do mundo”, consiga o apoio de xente como Andrés Suárez, David Amor, Xurxo Mariño, Nacho Carretero ou James Rhodes, dános as forzas necesarias para seguir traballando.
Como din eles nos vídeos: no Piñeiriño están pasando cousas. E o mellor é que todo o mundo quere estar presente.
12 HORAS DE FESTA POR UNHA BOA CAUSA
O domingo 19 de abril non vai ser só música. Imos ter 12 horas de programación ininterrompida onde non faltará de nada:
- Unha zona gastronómica para repoñer forzas.
- Actividades infantís na nosa Zona Kids.
- O clásico servizo de cortes de pelo solidarios.
- Un mercadillo artesanal con 20 postos de auténtica artesanía.
Todo isto é posible grazas ao apoio do Concello de Vilagarcía (VGA 365) e da Deputación de Pontevedra, pero sobre todo grazas a vós.
OBXECTIVO: AMENCER-ASPACE
Non esquezamos o máis importante: todo o que recademos irá destinado integramente a Amencer-ASPACE. Despois de case cuadriplicar a recadación o ano pasado, este 2026 queremos pulverizar todos os récords.
Como di Bowie: Let’s Dance! Vémonos o domingo 19 no Piñeiriño. Non faltedes, que Luis Zahera e o alcalde xa avisaron.



