Reunión de traballo entre a organización do SOLIFEST e o Goberno Local de Vilagarcía no Concello

Alberto Varela di “Let’s Dance” á cuarta edición do SOLIFEST

O SOLIFEST segue sumando complicidades para a súa próxima gran cita. O mércores 25 de novembro de 2026 a organización —a Asociación Veciñal Breogán e Amencer-ASPACE— mantivo unha xuntanza co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e co concelleiro Álvaro Carou, en representación do Goberno Local.

O resultado: apoio municipal selado para a cuarta edición, que celebraremos o domingo 18 de abril de 2027.

O ALCALDE VOLVE DICIR “LET’S DANCE”

Fieis ao espírito divertido e participativo da nosa promoción —e lembrando a sintonía de David Bowie coa que o propio alcalde puxo a bailar a toda a cidade na campaña pasada—, Alberto Varela volveu dicir “Let’s Dance” ao evento.

De feito, entre risas, tanto o alcalde como nós non descartamos unha segunda parte do exitoso vídeo no que compartiu plano con Luis Zahera. “Zahera estivo moi profesional, pero o alcalde estivo de Goya e rozando o Óscar”, bromeamos desde a organización (revive o vídeo no Instagram).

Durante o encontro, o Goberno Local confirmou que o Concello de Vilagarcía colaborará un ano máis co SOLIFEST, poñendo todas as facilidades técnicas e loxísticas para que siga medrando un festival entre edificios organizado por veciños no que definimos con orgullo como “o mellor barrio do mundo”: O Piñeiriño.

O concelleiro Álvaro Carou deixou unha definición moi acertada da evolución do evento: “o que ía ser un vermú ou un tardeo converteuse nun festivalazo de 12 horas”. Damoslle toda a razón: “Cando as cousas se fan porque apetecen, se desenvolven con cariño e parten dos veciños, todo medra como se merece”.

Reunión de traballo entre a organización do SOLIFEST e o Goberno Local de Vilagarcía no Concello

UN FESTIVAL SEN PALCOS NIN BARREIRAS

Un dos piares que nos fai diferentes é o carácter realmente integrador do SOLIFEST, un logro que sería imposible sen a colaboración do Concello para que o recinto estea adaptado a todas as necesidades que require o evento. Non hai palcos especiais nin zonas apartadas para os usuarios de Amencer-ASPACE ou persoas con discapacidade: damos as voltas que sexan necesarias ao espazo e á rúa para que estean en primeira fila, mesturados entre o público, desfrutando da súa bebida, da súa tapa, do mercadillo artesanal e de toda a programación en igualdade de condicións e con absoluta normalidade.

Froito desa filosofía foi o momento máis emotivo da pasada edición, cando Maneiro interpretou Corasón de Carballo rodeado dos usuarios, que puideron subir ao escenario, e baixou despois a cantar un dos seus temas máis coñecidos cos que estaban en primeira fila (aquí tes o momento). Vivencias coma esa son imprescindibles, e o alcalde entendeuno á perfección, tal e como nos transmitiu na xuntanza: “Os medios que sexan necesarios, só pedide e así será”.

Organización do SOLIFEST e representantes do Concello de Vilagarcía durante a xuntanza de traballo

O ESCENARIO CAMBIA DE ORIENTACIÓN

Tras superar os 11.438,15 euros de recadación na pasada edición, o SOLIFEST 2027 cambiará a orientación do escenario. O obxectivo é dobre: mellorar aínda máis a accesibilidade e a amplitude para acoller a máis público tras o desbordamento de 2026, e potenciar os distintos espazos do recinto:

  • Zona Gastro con novos pinches: os chefs Rubén García, Xoanqui Ameixeira e Ricardo Santamaría volverán aos fogóns, pero este ano con reforzos moi especiais: usuarios de Amencer-ASPACE participarán como pinches, cun papel aínda máis relevante, non só como asistentes, senón como parte activa do equipo do evento.
  • Mercadillo artesanal, cortes solidarios e tatuaxes: ampliarase o espazo do mercadillo tras o éxito do ano pasado e repetirán propostas tan aclamadas como os cortes de pelo solidarios dos barbeiros do Salón Gentleman e Crazy Studio, ou o posto de tatuaxes e piercings, no que o propio alcalde Alberto Varela aceptou o reto lanzado pola organización e se fixo unha tatuaxe en directo na pasada edición.
  • Máis de 12 horas de música e danza: o domingo 18 de abril volverá ser unha xornada ininterrompida de concertos e danza, dando continuidade ao éxito do grupo ADT sobre o escenario.

ORGULLO DE BARRIO BAIXO O SELO “VGA 365”

A Asociación Veciñal Breogán e Amencer-ASPACE agradecemos especialmente que o SOLIFEST forme parte das grandes citas culturais da cidade baixo o selo municipal “VGA 365” impulsado polo Concello. “O Piñeiriño é o mellor barrio do mundo e estamos encantados de que Vilagarcía sexa un lugar aínda máis grande no mapa grazas ao noso gran de area, sumando forzas xunto a todos os eventos e festivais que se fan na cidade durante todo o ano”.

GRAZAS, VILAGARCÍA

Grazas ao alcalde, ao concelleiro e a todo o Goberno Local por poñernos as cousas tan doadas. Apunta a data: domingo 18 de abril de 2027. Mentres tanto, síguenos no noso Instagram para non perderte ningún avance. Vémonos no mellor barrio do mundo!

Últimas publicacións

Categorías