A terceira edición do SOLIFEST confirmou o pasado domingo o que xa todos sabiamos no barrio: que este evento e moito máis que un simple festival. O Piñeiriño non só se encheu de música, senón que se converteu nun exemplo de integración, convivencia e solidariedade que xa é marca da casa.
Milleiros de persoas pasaron pola rúa Camilo José Cela nunha xornada que superou todas as expectativas. Como ben resume o noso voceiro, Pedro Falcón: “A valoración é máis que positiva. Só se vía xente, foi como unha Festa da Auga en seco”.
RÉCORDS QUE FALAN POR SI SOS

O éxito non foi só de ambiente, senón tamén de participación activa. O recinto foi un fervedoiro constante durante 12 horas de actividade ininterrompida (que para o equipo de organización foron 18 horas de traballo sen descanso). E se non, ollade os datos que deixastes:
- 16 barrís de cervexa despachados na nosa barra.
- Tapas esgotadas ás catro da tarde, obrigando a preparar unha segunda quenda de potaxe de urxencia.
- Actividade sen pausa no mercadillo, a zona de tatuaxes, o espazo gastronómico e os cortes de pelo solidarios.
Un momento para recordar

Pero máis alá dos números, o SOLIFEST 2026 deixounos unha imaxe que gardaremos para sempre na memoria e que resume o verdadeiro sentido de apoiar a Amencer-ASPACE.
O momento máis emocionante viviuse sobre o escenario cando Maneiro, nun xesto brutal de humanidade, subiu a un usuario da asociación para compartir o protagonismo. Foi o momento no que choramos todos. Ese é o noso obxectivo: que a integración sexa absoluta e real.
UN equipo DE GRANDES LIGAS

Dende a organización queremos facer unha mención especial ao traballo do noso equipo de voluntarios e colaboradores. Estar á fronte dunha montaxe de semellante complexidade, con recursos limitados e lograr que todo soase e funcionase á perfección, é digno de aplauso. O noso gran equipo demostrou que o talento no noso barrio non ten pausa.
Grazas a todos por facer que esta edición fose a máis multitudinaria de longo. Aínda estamos pechando as cifras definitivas da recadación, pero o que está claro é que a solidariedade do Piñeiriño non ten teito.
Grazas, barrio. Grazas, Vilagarcía. Vémonos na próxima edición!



