No Piñeiriño non paramos quietos. Cando empezamos con isto, non imaxinabamos a cantidade de xente e institucións que ían remar ao noso carón. Hoxe temos dúas grandes noticias para o Solifest 2026, confirmando que o traballo de barrio chega moi lonxe.
A UNIÓN FAI A FORZA: DEPUTACIÓN E CONCELLO

Esta mesma semana, a organización do Solifest (a Asociación Veciñal Breogán e Amencer-Aspace) mantivo unha xuntanza co deputado provincial Javier Tourís para presentarlle o dossier desta terceira edición e renovar o apoio da institución.
O resultado? Inmellorable. Por segundo ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra vai colaborar activamente connosco. Achegarán de novo o apoio loxístico con medios imprescindibles para poder montar a nosa festa na rúa. Dende a organización queremos agradecer especialmente o trato directo e próximo de Javier Tourís á hora de xestionar todo, porque as cousas, cando se fan cara a cara e con vontade, saen moito mellor.
Esta boa sintonía entre o barrio, a Deputación e o Concello de Vilagarcía resulta clave para que o noso festival siga medrando, consolidándose no calendario anual sen perder a súa esencia solidaria.
A CIENCIA TAMÉN É DO PIÑEIRIÑO: XURXO MARIÑO SÚMASE Á TROULA
A nosa campaña de promoción nas redes está a acadar unha repercusión que nin nós mesmos cremos. Á lista de apoios incribles acaba de sumarse un nome moi especial: o neurocientífico e divulgador galego Xurxo Mariño.
Xurxo únese así a unha lista de embaixadores de luxo na que xa están artistas e humoristas como Andrés Suárez, James Rhodes, Oswaldo Digón, Víctor Grande e David Amor. Case nada! E ollo, que non descartan deixarse ver en futuras edicións.
O OBXECTIVO: SUPERAR OS 8.000 EUROS

Todo este apoio institucional e mediático ten un único fin: axudar a Amencer-Aspace. Na pasada edición conseguimos cadriplicar a recadación ata chegar aos 7.977,47€. Este ano, con todo o barrio envorcado, cos apoios que estamos sumando e coa vosa presenza, contamos con ir a máis.
Vémonos o 19 de abril. Porque, como dicimos sempre con orgullo, o Piñeiriño é “o mellor barrio do mundo”.



