O pasado 6 de febreiro avanzabamos as primeiras confirmacións coa gran sorpresa de MANEIRO. Pero xa sabedes que un festival de dez horas na rúa Camilo José Cela necesita moito ritmo para non parar.
O vindeiro domingo 19 de abril de 2026, o barrio do Piñeiriño volverá ser un gran escenario ao aire libre a favor de Amencer-Aspace. E hoxe traemos novas confirmacións para demostrar que esta cita solidaria consolídase combinando música en directo e ambiente familiar.
ARTISTAS DE LUXO E TALENTO LOCAL: A NOSA FÓRMULA

Nesta ocasión, o protagonismo recae nos nosos DJs, fundamentais para manter vivo o espírito do festival e soster o ambiente cando o escenario principal se transforma entre actuación e actuación.
Por unha banda, traemos o vinilo ao Piñeiriño da man de Little Pi & Kaiser Xosé. Son auténticos “pratos fortes” da cultura DJ na comarca e achegarán o seu estilo persoal á nosa xornada.
Por suposto, o SOLIFEST non sería o mesmo sen a nosa garda pretoriana: La Yaya DJ e Kris K DJ & Carlos Crespo (a alma sonora da Duendeneta). Son presenzas imprescindibles que levan enchendo de ritmo a nosa rúa dende a primeira edición.
E como o talento da casa é innegociable, repetirá DJ Al, vilagarcián e socio da nosa asociación veciñal. Xunto a el incorpórase Chiño DJ, veciño de Cornazo. Eles garantirán que o ambiente non decaia nin un só intre.
UNHA ZONA KIDS CHEA DE NOVIDADES

A dimensión familiar é outro dos piares intocables do SOLIFEST. Queremos que a rapazada o pase igual de ben que os maiores.
A Zona Kids regresará coa maxia de Festivaliño on the Road, ofrecendo actividades específicas como levan facendo dende a primeira edición.
Pero ollo á novidade deste ano: a monitora Lara Domínguez instalará o obradoiro “Decora o teu instrumento”. Os máis pequenos poderán personalizar pandeiretas e tambores artesanais, ademais de participar na creación de pulseiras para levar as súas propias obras de arte para a casa.
O APOIO DOS GRANDES SÁCANOS AS CORES

O ruído que facemos dende o barrio chega cada vez máis lonxe. A nosa campaña de promoción nas redes contou coa participación de artistas e rostros coñecidos como Andrés Suárez, James Rhodes, Oswaldo Digón, Víctor Grande ou David Amor.
Todos eles amosaron o seu apoio ao SOLIFEST compartindo o noso traballo e, atención… non descartan participar en futuras edicións!.
Con música ininterrompida, participación veciñal e unha clara finalidade solidaria, reafirmámonos en que o SOLIFEST é moito máis ca un festival: é a fórmula perfecta na que o barrio se une para apoiar unha causa social imprescindible.
Vémonos no mellor barrio do mundo!




