No Piñeiriño gústanos a xente de cara. Gústanos traballar duro, cargar caixas e tirar cables para montar a festa máis bonita do mundo. O facemos con orgullo e con transparencia. Por iso, cando nos decatamos de que alguén está a tentar aproveitarse da vosa boa fe e da causa de Amencer-ASPACE, o sangue férvenos.
Tócanos poñernos serios un momento, porque o que está a pasar é grave e non o imos consentir.
Que non vos enganen
Chegounos a información de que hai persoas alleas a organización, que están a ir por comercios e locais de hostalería de Vilagarcía pedindo “doazóns anuais” dicindo que veñen de parte do SOLIFEST. Nalgúns casos tiveron a caradura de pedir ata 300 euros.
Querémolo dicir alto e claro: ISO É MENTIRA.
O Solifest NUNCA pide cartos porta a porta. Nós non funcionamos así. Non imos ir ao teu negocio a pedirche billetes en man baixo a mesa. Iso é unha estafa e están a usar o noso nome e o dos rapaces de Amencer para lucrarse.
Como colaboramos de verdade?
Para que non haxa dúbidas, as cousas no Piñeiriño fanse con luz e taquígrafos. A única forma de soltar un euro para o Solifest é:
- O propio día da festa: O 19 de abril de 2026, nos postos oficiais que teremos no recinto. Aí si, gastade o que queirades, que é por unha boa causa.
- Establecementos colaboradores: Moitos dos locais de hostalería ubicados no barrio colaboran co SOLIFEST, pero ollo: non todos o fan, os que sí o fan estarán anunciados nas nosas redes e pola web. Se non sae aquí, desconfiade.
Se vos pasa, avisade
Dende a organización pedímosvos un favor: se alguén entra no voso local ou vos para pola rúa con este conto, denunciade á Policía. Non é só polo diñeiro, é porque están a xogar coa solidariedade de todo un pobo e co traballo de moita xente honrada.
Sentimos moito ter que escribir isto, pero a vosa confianza é o máis importante que temos. Grazas aos que nos avisastes.
Agora, a seguir traballando (de verdade) para este 19 de abril.
A Organización do Solifest




